"Na outra banda dixéronme
os vellos vanse convertendo en arbres
vellas tamén sen follas na cara do sol
agardando sen saber o que
mudos".

Álvaro Cunqueiro

sábado, 13 de agosto de 2016

Catro anos de felicidade


 De las estrellas que admiré, mojadas
por ríos y rocíos diferentes,
yo no escogí sino la que yo amaba
y desde entonces duermo con la noche.

Pablo Neruda

Cando teño insomnio acórdome do meu amigo Mario. Como tantas outras cousas que compartimos, ambos combatemos esa noite de arañas brancas que habita na noite co mesmo remedio: un libro predilecto. Deste xeito facemos da necesidade de durmir virtude, e ábrese unha imprevista oportunidade de gozar da lectura.
Mais desta vez non fago así. En vez dun libro abrín o portátil. A voz encadernada de Mircea Cărtărescu repousa nunha esquina da mesa da cociña. Na esquina oposta eu redacto isto. Moitos anos atrás el empezou a escribir o seu longo poema Levantul ("O Levante") na mesa da cociña: "e eu era un amargado profesor nunha escola pública ao fondo de Colentina, recén casado e cunha nena recén nacida no carricoche. Así que comecei O Levante nunha esquina da mesa da cociña cuberta cun mantel de hule; escribía a máquina cunha man e coa outra movía o carricoche polo sucio sintasol da cociña". Involuntariamente emulo a situación (con hule, mais sen o deprimente sintasol; tamén sen filla, e coa miña vella máquina de escribir xa gardada para sempre) coa amarga certeza de que nunca serei quen de escribir como el o fai. Algún día tereime que preguntar que lía antes de ler a Mircea Cărtărescu.

Mario xa me advertiu que desde que naceu a súa filla (hai xa tres anos!) apenas pode ler. Dada a situación, imaxino que o insomnio será agora máis ben provocado do que espontáneo. Nos últimos tempos a vida cambiounos moito aos dous, meu amigo vello. Claro que se eu non leo tanto como antes é só por ser tan can.
O insomnio prendeu en min pouco despois das cinco da mañá. Antes de tomar a determinación de erguerme, e de coller o libro (antes de que as cousas se torcesen e eu acabase aquí escribindo), as arañas brancas tecíanme nos ollos imaxes da tea inmóbil dos meus soños. Deixei durmir a Eva e deixeime atrapar nesa tea, coa esperanza de poder librarme do texto. E vivir para contalo.
Mentres redacto estas liñas, a estas horas da alborada, hai xusto catro anos, en Moaña, poñiamos fin á celebración da voda de Vítor e Andrea. Vítor foi das primeiras persoas que coñecín en Filoloxía, tal como relatei no discurso lido na cerimonia; empezaba así:
"Eu non sei moito sobre o amor, apenas sei que nos aparva e nos fai felices ou nos fai desgraciados.
Eu non sei moito sobre o amor, e iso que tivemos que estudalo a fondo. Conocín a Vítor nesa mili con pouca instrución e moitas manobras que se chama carreira, onde fixemos os amigos que antano se facían no exército. Non tivemos arrestos pero collemos algúns vicios, como o de intercambiar boas lecturas, unha adicción que nin eu nin Vítor conseguimos superar. Non sei se el lembra o arduo traballo que fixemos buscando enumeracións nas putas cantigas medievais; Vítor foi listo e escolleu as Cantigas de Amigo, a min tocáronme as de Santa María, e repartimos á metade as de Amor; por iso digo que estudamos o amor a fondo. (...)".
Escribino nun tempo récord (para min), dous folios en pouco máis dunha hora, o tempo que faltaba antes de marchar para Moaña. Sempre deixo todo para o último día.
Relelo agora lévame aos anos compartidos con Vítor, cando eu pasaba poemas a limpo na miña vella máquina de escribir, absolutamente seguro de que nunca na vida ía escribir con computadora (pobre de min, ignoraba que ía tardar pouco en utilizala, por imperativos laborais; mais podo dicir, non sei se con orgullo, que aprendín a manexar unha computadora, e un teléfono móbil, cando xa tiña vinte e tres anos feitos, o cal me facía levar polo menos uns cinco anos de retraso con respecto á miña xeración). Comecei a carreira no século XX e remateina no século XXI, literalmente.
A pesar das présas coas que o redactei, aquel foi un discurso bastante celebrado polos convidados. O tipo triste e cincento que eu era converteuse por un día no poeta con zapatos de cristal. Era "o colega escritor do Vítor". Todo o mundo quería vir saudarme para darme os parabéns. Todo o mundo quería tomar unha copa comigo. Todo o mundo quería fotografiarme. Todo o mundo me solicitaba amizade no Facebook. Mais a normalidade non tardou en regresar. Aínda que xa non volvería ser tan triste nin tan cincento.


   Que atenderá todo o mundo? 
De quen son eses zapatos de cristal?

Na mañá do 12 de agosto de 2012, sen gana de durmir, acabei deambulando polos bares do porto de Moaña. De vez en cando achegábame a visitar o mar de Vigo, o mar maior dos poetas do ano mil douscentos e pico. Intercambiaba co mar cromos da miña xuventude (isto é un verso, modificado, dun poeta moi novo que coñecín en Compostela, e non volvín saber del, cando aínda utilizaba a miña máquina de escribir). Lembro a sensación de irrealidade ofrecida pola cidade de Vigo, tan preto, entre a calima. Semellaba que estirando o brazo podería tocar as fauces dos altos edificios. O mar ofrecíame a estúpida acuarela dos meus soños. Aquela mañá experimentei, como diría Vítor, unha epifanía. Quentaba o sol, que fixera eu da vida?
Pola tarde, xa na casa de meus pais, estes faláronme dunha rapaza; a filla dunha amiga deles que eu non coñecía. Precisamente viñan de visitala. Miña nai, traballando duramente contra a miña solteiría, tamén lle falara de min á rapaza. Díxolle que me buscase no Facebook, que eu perdía moito o tempo por alí.
Entón, o día 13 de agosto, cando me conectei, xa diluídas as peticións de amizade da xente da voda, vin a solicitude de Eva. Tiven o presentimento de que era a moza da que me falaran meus pais. E era. Comezamos a chatear e fomos construíndo o palacio da noite, unha burbulla de aire onde vivir para sempre. Usamos as palabras como bálsamo. E quixemos coñecernos. Aos poucos días iniciamos a relación que dura ata hoxe. Catro anos de felicidade, empañada por veces polos golpes da vida, mais felicidade á fin e ao cabo. A araña do pasado atrápame na rede de Filoloxía, naquela clase remota (a memoria de Vítor non me deixará mentir) na que Xesús Alonso Montero, coma quen di noso avó, nos deu un consello: "Aproveiten a felicidade, porque é breve; nin sequera existe, o que hai son intres de felicidade, e teñen que aproveitalos". Eu deixeime guiar por el. Sigo sen saber moito sobre o amor, mais agora si o coñezo, sen necesidade de estudalo a fondo. Tiña razón unha veciña de Eva, cando me dixo: "Non creo que haxa outra rapaza tan guapa nin tan boa coma ela en todo o concello de Rois". Desde logo, xa é moito máis do que podería ofrecer eu.
A banda sonora ideal desta entrada sería a canción "Testimonio", de Juan Luis Guerra: "No necesito pastillas para dormir/ si estás conmigo/ todos los sueños florecen/ cuando me hablas al oído". Despois de todo, o insomnio é un incidente sen importancia. Considerádeo unha pequena discusión de parella. De por parte, permitiume escribir este regalo cativo para a quen tanto lle debo, e publicalo exactamente catro anos despois de que o cruce dos nosos camiños comezase a tecerse na arañeira virtual (de onde só se liberan os amores valentes).


Estando con Eva, todas as noites durmo coa noite. 

venres, 5 de agosto de 2016

Que tes que contar, reloxio molesto?


Ben sei que non hai nada
Novo en baixo do ceo,
Que antes outros pensaron
As cousas que ora eu penso.
                                                                                    
 E ben, ¿para que escribo?
 E ben, porque así semos,
 Relox que repetimos
 Eternamente o mesmo.

          Rosalía de Castro


O reloxio repite, mais tamén crea. Crea coincidencias.
Xa fixo onte unha semana[i], fun con Eva a Bertamiráns, onde quedaramos con María, Fernando e a filla destes, Aldara; unha bulebule, sen parada. Antes de saírmos de Negreira pasamos por unha xoiaría onde Eva deixara o reloxio para cambiarlle a pila. Camiñamos cara ao garaxe, cruzamos a rúa mentres ela coloca o reloxio no pulso. Vemos vir unha velliña que anda medio encartada. Despois preguntarame Eva se era outra muller que coñecemos un día de camiñata polas aldeas da contorna, unha que dicía moito as palabras "caralluda" e "macanuda". Pero non, esta que vén cara nós é a que un día na fonte non me dirixiu palabra aínda que a saudei dúas ou tres veces; limitouse a mirarme con atención e seriedade mentres eu enchía as miñas botellas e avergonceime ao pensar que igual era xordomuda. "Non vai encher máis?", díxome cun sorriso. "Non, xa acabei", respondín antes de marchar desconcertado rosmando un tímido "ata logo" que tampouco obtivo réplica.
E esa muller de tan poucas palabras xusto para diante de Eva e pregúntalle: "Mociña, tes hora?... Podíasme dicir a hora?". Primeira casualidade. O reloxio recén resucitado abraza o pulso tan familiar. Que regalía poder dar a hora cun reloxio así, recén saído do taller! Entramos no coche aínda divertidos pola coincidencia.
Como xa imos con algo de retraso, dirixímonos a Bertamiráns pendentes do tempo: ela contrasta a hora do reloxio e a do teléfono móbil mentres eu ollo a cada pouco para o reloxio do cadro de luces ou o da radio. Xusto cando comeza a escribirlle un whatsapp a María xa recibe outro dela: "Por onde andades?". Segunda casualidade.
Aparcamos con calma porque aínda están na piscina. Dános tempo a ir á libraría Lenda, onde vou a tiro fixo mercar o segundo e terceiro tomo dos Diarios de Iñaki Uriarte, acertada recomendación (infalible coma sempre) que me fixera o libreiro cando merquei, tamén alí, a primeira parte (comprende de 1999 a 2003). Facendo contas, saíu un pouco caro pagar os corenta e cinco euros polos tres volumes (ningún deles chega ás duascentas páxinas; a letra é miúda, iso si), mais coido que non vou atopalos facilmente nunha biblioteca e conto que me proporcionen unha lectura tan pracenteira coma o primeiro libro. No que ía de verán fora o único que me fixera desvelar na cama coa lámpada acesa mentres Eva durmía, o único que me fixera desexar avidamente a chegada do día para volver lelo.

Así tiñamos a mesa da cociña a semana pasada, colonizada polos
meus sedimentos de papelonde tamén foron parar os libros novos.

Mentres tomamos un café, ela calma a miña mala conciencia de gastón compulsivo en libros que non darei lido: "Os cartos en libros nunca son malgastados", dime mentres acaricio a cuberta doutra adquisición, esta inesperada mais non menos desexada: El ojo castaño de nuestro amor, o último traducido do meu narrador predilecto, o romanés Mircea Cărtărescu (grazas, S. Husanu, por ensinarme a pronuncialo e por aquel poema seu en tradución simultánea!). Onte á noite comecei a lelo, entre o sofá e a cama, e a súa prosa transportoume a imaxinación a lugares onde un querería habitar por sempre, como cando lin por vez primeira un libro del. Mais agora toca falar da terceira casualidade desa tarde do pasado xoves: vemos vir a Luz e as súas fillas (xemelgas). Xusto no coche falaramos delas (porque intercambiamos uns correos a raíz do que lin no seu blogue –podedes velo na marxe dereita do meu, ou pinchando aquí, en "Luzifera"– e convidárame a unha visita), pero, como xa quedaramos con Aldara e seus pais, pensamos que non era boa ocasión para repartir tanto o tempo. Precisamente tempo pouco tivemos de charlar con Luz, apenas unhas palabras; coas nenas fixen un breve monólogo mentres se mantiñan de costas a min, como enfadadas. "Elas non che falan, ho, que as miñas fillas son como carneiros", bromeou Luz, no mesmo intre en que escoito: "Damón!, Damón!". Aí viña Aldara correndo cara a min.
Démoslle o seu regalo de aniversario: o libro Cocorico (que nunca falla), e un cepillo dental da Tropa Canina. Pouco despois, o reloxio de Eva, coa pila nova do trinque, parou misteriosamente. Como se puidésemos parar así aquela tarde agradable que non volverá.
Eva mercoulle un xeado a Aldara. Xogando con outra pequena que andaba por alí, o xeado caeulle ao chan, e non vexades que desgusto colleu. Choraba a rabiar. Foi entón cando lle propuxen lermos a historia de Cocorico. E así conseguín devolverlle o contento, mentres facía o ridículo lendo en voz alta, nunha terraza ateigada, un conto infantil. 

Imaxe: OQO editora

Como se di, collemos carrerilla, e xa non paramos de facer o parvo o que quedaba da tarde. Levoume a ver as mascotas ao escaparate dunha tenda (decepción cando comprendeu que non estaban á vista), inventamos cancións, inventamos a superheroína Aldarico... E, máis tarde, xa de recollida, incluso xogamos cos aspersores dos xardíns e con todo canto viamos ao paso que servise para facela rir. Encántame xogar coas crianzas, ora ben, fágome cargo do que debe ser todo o día así; son un domingueiro dos xogos infantís, un mero afeccionado: é doado seguir este ritmo unha tarde, o complicado é un día tras outro, queiras ou non; a maternidade e a paternidade son oficios a tempo completo.
Podería seguir enumerando as coincidencias dese día, canta xente coñecida como atopamos (Rosa, Manu, Maite...), persoas das que Eva me fala a miúdo e que só coñezo nas súas descricións repletas de cariño e admiración cara a elas; outra cousa é, claro está, a representación mental que eu fago e que poucas veces coincide co que ela me conta. Por iso me sorprendo cando me presenta xente da que tanto oín falar mais que non se parece nada fisicamente a como a imaxinaba, como se fosen vellos amigos reencontrados anos despois cun aspecto totalmente cambiado.
Mais por hoxe prefiro deixarvos coa fantástica escena (espero que poidades imaxinala tal como foi) de Superaldarico bailando dentro do meu coche, mentres Eva charla fóra con Fernando e María. A pequena baila feliz ao son da música, sen saber que a protexemos da friaxe nocturna de finais de xullo, cando xa se conoce nas noites que vai entrar agosto. E as agullas dos reloxios (de todos os reloxios, agás o de Eva) non deixan de xirar.

Esta foto fixémola hai un par de anos en 
Betanzos, no Parque do Pasatempo, noutra 
tarde desas que non volven, mais xa foi nosa.



[i] Empecei a redactar isto o venres da semana pasada, mais diversas ocupacións (si, xa sei que é período vacacional, non me faledes) fixéronme adiar a redacción desta crónica, co cal a referencia temporal ía variando cada novo día que me sentaba ante o teclado.