"Na outra banda dixéronme
os vellos vanse convertendo en arbres
vellas tamén sen follas na cara do sol
agardando sen saber o que
mudos".

Álvaro Cunqueiro

venres, 28 de decembro de 2012

Emily on the road, 2006-2012

Na mañá do 9 de agosto de 2006 estaba na Serra de Outes, tomando café (só largo, con pouco azucre; bebo pouco a pouco, até estar morno) nunha das mesas da parte de atrás do John Turkey. Debía vir do médico. Comecei a garabatear versos nun caderno que me regalara Óscar Sendón catro anos atrás, cando volveu de Canadá (con cunchas de caramuxas do Pacífico para o colectivo Sacou). Escribín con rapidez un poema sobre Emily Dickinson, repleto de ironía e encabalgamentos. O caso é que cando marchei completara máis de noventa versos, que aí quedaron. O 8 de decembro do mesmo ano volvín sobre eles e engadín, sen moito entusiasmo, outra ducia. Proxectos truncados, nos meus cadernos, hai moitos; este sería un máis.
No 2007 escribín moi pouco, e case todo por encargo. Mais lin bastante. Entre xaneiro e febreiro vivín en Ferrol. Era o segundo ano que traballaba no ensino. Antes, na editora, sempre tiña libros diante, mais pouco tempo para lelos. Agora tiña tempo para os libros. Collín confianza cun libreiro de vello da cidade. Pola mañá lía e paseaba, pola tarde ensinaba galego na EOI. Sentíame un flâneur. O seguinte destino foi Rianxo; na véspera, para ir collendo o ton, lin Historias e invenciones de Félix Muriel. A escrita narrativa tentábame, ía anotando ideas para unha novela e algúns contos que aínda non comecei.
Estiven a piques de sacar praza nas oposicións. Destináronme un ano enteiro a Salceda de Caselas. Alí tentei volver escribir. Non había unha boa libraría mais enchín o ático onde vivía cos meus libros; estaba traballando nunha ponencia sobre poesía (e filosofía e tradución), polo que precisaba moita documentación. Na primavera do 2008 escribín un relato sobre a peste en Noia no ano 1599, e metinme tanto na historia que crin estar a desenvolver os síntomas da enfermidade. Gustábame esborranchar servilletas mentres bebía viño nos bares. Ás veces levaba comigo un caderno de tapas azuis, feito a medida, que encargara nunha imprenta. Copiei nel o poema "Sobre a escrita", de Edeltraut Gallinge:

Un escribe
para que non se esquezan dun,
tamén descifraron 
xeroglíficos, 
a conta
resultou. 

Agora, mentres continúo estas liñas, estou na mesma mesa de hai seis anos, se é que unha mesa de bar pode ser a mesma despois de seis anos.


Sempre que está libre séntome aquí. É como un rito. Como se me axudase a escribir. Algunha outra entrada deste blogue foi redactada aquí, mentres tomaba café, escoitaba música e vía pasar a xente. E tamén gastei aquí follas de cadernos e servilletas, claro. É a miña taberna favorita da Serra. 
Nos destinos académicos que fun tendo, sempre de aquí para alá, andei algo polas tabernas, polo que fun xuntando un feixe de textos dispersos. Moitos deles volvían teimosamente sobre Emily Dickinson, ou máis ben sobre a idea que me fixera de Emily Dickinson. Tamén pensaba moito en Jack Kerouac, porque a miña vida era unha estrada, de aquí para alá; sen ser de ningures, e sabendo ben de onde era. 
Manuel L. Rodrigues fundou a editora Acha Escrava no 2009. Xa logo me pediu un libro para publicar. A resposta foi inmediata: díxenlle que tiña un poemario a medio facer.  Foi así como tiven que volver escribir en serio. Merquei un caderno de tapas azuis, onde comecei a tomar notas, moitas delas rescatadas dos outros cadernos, servilletas e papeis soltos. 


A maioría das anotacións eran fragmentos de lecturas, algo así como a bibliografía do que había vir. O poema Emily on the road comezou a madurarme na cabeza xa no 2010, cando vivía en Gondomar. Nunca imaxinara que puidese escribir no cuarto dunha pensión, mais acabei por afacerme. Creo que mesmo mudei algo o estilo daquela. Non lembro ano tan malo. Hai uns días, cando volvín alá presentar o libro, ao pasar a carón da biblioteca municipal, onde pasei tantas horas, abrinlle as portas á melancolía, mais xa basta. 
En xaneiro de 2011 (apremado polo editor e mais por Manolo do Río, cada vez que os tres nos xuntabamos arredor dunha mesa no John Turkey os venres pola noite) encarei o texto narrativo central, dividido en capítulos (que lle mandaba, un a un e desordenadamente, ao pintor m. m. reino, para que mos ilustrase), seguindo o guión que marcara. Daquela vivía en Burela. O inicio do libro saíu dunha tarde que pasei no porto desta vila. O sosego mental durou todo o ano, e aproveiteino. Aínda así, como fun complicando moito a historia (non me bastaba con Emily e Jack que aínda tiven que chamar por Orfeu e Ofelia, por exemplo), había veces nas que non sabía por onde seguir, como lle pasa a calquera que escribe.


Impacientes por ver dunha maldita vez o resultado, estes dous amigos foron turrando da historia, e por iso teñen un espazo na dedicatoria do libro. Despois do verán, xa en Outes, pasei o manuscrito á computadora e funo reescribindo varias veces. Cando o dei por rematado envieilles o texto (tamén a Óscar Sendón e a Iria Lago), á espera de veredicto. Non estaba nada seguro do que fixera. Díxenlles que mudasen o que visen conveniente, mais pareceulles ben tal como estaba. Aínda me deixaron facer varias modificacións e aproveitei para ir reescribindo, de xeito bastante secreto, para non amedrentalos máis.
Así, tras tanta espera, un día do pasado outono, coma quen non quere a cousa, o libro foi levado á imprenta, e levaron con el as miñas obsesións perfeccionistas, a miña teima por corrixir. O que veu despois contaréivolo outro día.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.