"Na outra banda dixéronme
os vellos vanse convertendo en arbres
vellas tamén sen follas na cara do sol
agardando sen saber o que
mudos".

Álvaro Cunqueiro

sábado, 26 de maio de 2012

Contaminación

Nos últimos anos foron aparecendo varias editoras pequenas en concepción mais enormes en intención, con propostas ben novidosas e interesantes para o debate cultural galego. Unha delas é Axóuxere. O día 12 de abril acudín á presentación do último libro que viñan de publicar: Ensaios Radioativos, de Márcio-André, na galería compostelá A.dFuga. Roberto Abuín, un dos editores, xa me advertiu de que non me fiase da pinta de santiño que tiña o autor:


Non sei que vos parece a vós. Roberto explicoume que cando lle daba por facer performances rompía todos os esquemas; é dicir, que entendín, co meu pouco entendemento, que máis ca un performer é un transformer. Se queredes saber máis sobre os seus proxectos, podedes ver a súa páxina.
E xa vos deixo coa columna que fixen para o suplemento (de abril) do ABC, onde relato, incompletamente (como en calquera relato), a noite que fun á presentación do libro de Márcio-André.


Aínda non sendo moi amigo das presentacións de libros (ás que imos como quen vai aos funerais: para que despois nos veñan a nós), as da editora Axóuxere sempre reclaman a miña atención. Ademais os actos sociais son boa escusa para saír da casa, dar un paseo e descansar a mente. Desta vez o evento era na galería compostelá A.dFuga e o autor era Márcio-André (Rio de Janeiro, 1978); a obra titúlase Ensaios Radioativos e disque causaran moito balbordo no Brasil e foran atacados e defendidos nalgúns xornais de alá. (Para seguir lendo picar aquí.)

martes, 1 de maio de 2012

Casares en tres

Xa van alá dez anos da morte de Carlos Casares. Foi un dos escritores galegos que máis popularidade tivo en vida, grazas á súa columna xornalística "Á marxe" (e non polos libros, claro, a pesar de ser un dos poucos novelistas serios que deu este maldito recuncho). Pareceume que ben merecía a miña humilde lembranza, aínda que namais fose polo ben que se portara co colectivo Sacou. 
Aquí deixo o que me publicaron no suplemento do ABC en marzo, varios días despois do décimo cabodano. Distribuín a columna en tres parágrafos, como facía el; daí vén o título (tamén parodiado doutro dunha novela súa):

O nove de marzo de 2002 cadrou en sábado. Pola noite, mentres quentaba nunhas potas a auga que ía servir para bañarme, anotei no diario como soubera da morte de Carlos Casares. Fora pola mañá, de camiño á feira do viño de Chantada. Tiña por diante unha fin de semana prometedora, aqueles días da xuventude e da liberdade, que iamos pasar na casa aldeá que a familia de Sonia ten en Pesqueiras, nas fértiles ribeiras do Miño. Cando Nieves e Mila nos deron a noticia lembrei aquelas xornadas do colectivo Sacou, no 2000, cando convidamos a Casares e Bieito Iglesias para falaren en Noia da súa obra. (Para seguir lendo picar aquí.)


Carlos Casares foi un dos ponentes nas I xornadas do colectivo Sacou